Bono Activa comercio: Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas

14/04/2021

Obxecto

O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.

Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia; dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios; mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e reducir o impacto económico derivado do cesamento e das restricións da actividade de determinados establecementos comerciais como consecuencia da situación ocasionada pola COVID-19.

Actividade subvencionable

Subvenciónase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.

As vendas subvencionadas serán as realizadas no prazo de tres meses contados desde a data de descarga dos bonos, que estarán dispoñibles na web https://www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias a partir do 3 de maio.

Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou en varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos.

O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra de acordo cos seguintes criterios:

  • Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
  • Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

 

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde. É dicir, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web https://www.bonosactivacomercio.gal, e indicar a seguinte información:

  • Nome e apelidos.
  • Localidade de residencia en Galicia (código postal).
  • Maioría de idade.
  • DNI ou NIE.
  • Número de teléfono móbil.
  • Correo electrónico.

O bono terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet.

Opcionalmente, o bono poderase solicitar presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

A persoa interesada, ou o seu representante, poderá autorizar expresamente aos empregados para a solicitude e obtención do bono en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.

 

Vixencia do programa

O programa bonos Activa comercio estará vixente ata o 31 de decembro de 2021.

Mediante orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderase modificar a data indicada se razóns organizativas, sanitarias ou doutra índole así o aconsellaran, e darase a oportuna publicidade.

Se transcorridos os tres meses de vixencia dos bonos, e tras as correspondentes liquidacións, resulta crédito dispoñible, poderá activarse unha nova campaña de lanzamento de bonos mediante a correspondente convocatoria.

 

 

 

borde borde
borde borde
Xunta de Galicia
@ Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Consellería de Política Social
Suxestións e queixas |Aviso legal |Atendémolo/a