Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop)

06/05/2020

- Acordo sobre o restablecemento do procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21.

Prazo de presentación de solicitudes de admisión.

Restablecerase o prazo para a presentación das solicitudes de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, polo tempo que restaba cando se declarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes.

Novos prazos do procedemento.

a) De conformidade co artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os demais prazos do procedemento de admisión reduciranse á metade.

b) Novos prazos do proceso:

  • Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
  • Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 202
  • Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
  • Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
  • Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.
  • Formalización da matrícula ordinaria en educación secundaria obrigatoria e bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.

– Acordo sobre a realización de actividade física ao aire libre durante a vixencia do estado de alarma para os residentes dos centros de discapacidade.

No momento actual da crise sanitaria e durante a vixencia do estado de alarma e das súas posibles prórrogas non poderán facer uso da habilitación para a práctica da actividade física non profesional ao aire libre prevista na Orde SND/380/2020 os residentes en centros de persoas con discapacidade.

Esta limitación establécese de forma análoga á recollida na orde sinalada para os residentes en centros sociosanitarios de maiores, por tratarse en ambos os casos de colectivos de especial vulnerabilidade ante o COVID-19.

– Acordo relativo á realización de actividade física ao aire libre durante a vixencia do estado de alarma para os residentes dos centros de menores.

As saídas dos nenos, nenas e adolescentes dos centros residenciais de menores desenvolverase de xeito non individual e en compañía dun educador ou coidador, de acordo co criterio técnico do equipo directivo do centro.

As condicións en que se van desenvolver estas saídas deberán ser comunicadas á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. As saídas realizaranse, en todo caso, extremando as medidas preventivas, hixiénicas e de seguridade e o resto das normas xenéricas establecidas para estas saídas na normativa específica.



Orixe:

borde borde
borde borde
Xunta de Galicia
@ Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Consellería de Política Social
Suxestións e queixas |Aviso legal |Atendémolo/a