Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar: procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3

08/03/2017

Obxecto:  convocar o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e integradas na Rede de escolas infantís de Galicia A galiña azul para o curso 2017/18 (código BS404A solicitudes de novo ingreso e código BS404B solicitudes de renovación).

Requisitos para ser adxudicataria/o

Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicataria/o de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar:

a) Que a nena ou o neno xa nacese no momento da presentación da solicitude.

b) Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso na escola infantil en que obteña praza e non teña cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2017. Non obstante o anterior, poderanse eximir do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, de acordo coa normativa vixente.

c) Respecto daquelas familias que xa escolarizasen outro fillo ou filla no mesmo centro ou en calquera outro centro da rede, estar ao día no pagamento das cotas polos servizos recibidos na data de presentación da solicitude, tanto nos supostos de renovación de praza como de novo ingreso.

Prestacións

As persoas usuarias poden optar por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

O procedemento de solicitude de praza será o seguinte:

Renovación de praza (BS404B).

Para a renovación da praza do alumnado escolarizado durante o curso 2016/17, presentarase o modelo oficial de solicitude segundo o anexo VI desta resolución, que estará dispoñible nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal e http://www.igualdadebenestar.org así como nas propias escolas infantís 0-3.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II relativo á comprobación de datos do/a cónxuxe ou parella ou doutros membros da unidade familiar.

b) Outros documentos que acrediten cambios de carácter socioeconómico na unidade familiar.

As solicitudes de renovación de praza deberán presentarse en soporte papel na propia escola infantil ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e na páxina web do Consorcio http://www.igualdadebenestar.org.

Solicitude de renovación de praza (BS 404 B)

 

Novo ingreso (BS404A).

As solicitudes de novo ingreso presentaranse segundo o modelo oficial establecido (anexo I desta resolución). Neste impreso poderá solicitarse praza para máis dunha escola, indicando a orde de preferencia. Presentarase unha única solicitude na escola que se indique como primeira opción.

Os impresos estarán dispoñibles nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal e http://www.igualdadebenestar.org e facilitaranse tamén nos propios centros en que se solicite praza.

As solicitudes de novo ingreso coa documentación requirida presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Tamén se poderán presentar estas solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Solicitude de novo ingreso (BS 404 A) e tramitación en liña

 

 

 

Convocatoria

 

 

Mais información: https://www.igualdadebenestar.org/

 

 

borde borde
borde borde
Xunta de Galicia
@ Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Consellería de Política Social
Suxestións e queixas |Aviso legal |Atendémolo/a