Axencia Galega de Servizos Sociais: adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta axencia para o curso 2017/18.

08/03/2017

Obxecto: convocar o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2017/18 (código BS402A para solicitudes de novo ingreso e código BS402F para solicitudes de renovación).

Requisitos:

Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicatario/a de praza nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais:

a) Que o neno ou a nena xa nacese no momento de presentación da solicitude e teña a súa residencia en Galicia.

b) Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso na escola infantil en que obteña praza e non teña cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2017. Non obstante o anterior, poderanse eximir do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, de acordo coa normativa vixente.

c) Respecto daquelas familias que xa escolarizasen un fillo ou filla no mesmo centro ou en calquera outro centro da rede, estar ao día no pagamento das cotas polos servizos recibidos na data de presentación da solicitude, tanto nos supostos de renovación de praza como de novo ingreso.

Prestacións:

As persoas usuarias poden optar por unha das seguintes modalidades do servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

O procedemento de solicitude de praza será o seguinte:

1. Renovación de praza (BS 402F).

Para a renovación da praza do alumnado escolarizado durante o curso 2016/17, presentarase o modelo oficial de solicitude segundo o anexo VI desta resolución, que estará dispoñible nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal, http://www.politicasocial.xunta.gal, así como nas propias escolas infantís 0-3.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II relativo á comprobación de datos do/da cónxuxe, parella ou outros membros da unidade familiar.

b) Outros documentos que acrediten cambios de carácter socioeconómico na unidade familiar.

As solicitudes de renovación de praza deberán presentarse en soporte papel na propia escola infantil ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Solicitude de renovación de praza (BS 402F) e tramitación en liña

2. Novo ingreso (BS 402A).

As solicitudes de novo ingreso presentaranse segundo o modelo oficial establecido (anexo I desta resolución). Neste impreso poderá solicitarse praza para un máximo de dous centros, indicando a orde de preferencia.

Os impresos estarán dispoñibles nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal e http://www.politicasocial.xunta.gal e facilitaranse tamén nos propios centros en que se solicite praza e nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

As solicitudes de novo ingreso coa documentación requirida presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Tamén se poderán presentar estas solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Solicitude de novo ingreso (BS 402A) e tramitación en liña

 

 

 

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 10/04/2017

 

 

 

Mais información: http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/escolas-infantis

 

 

 

 


borde borde
borde borde
Xunta de Galicia
@ Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Consellería de Política Social
Suxestións e queixas |Aviso legal |Atendémolo/a