Vivenda: axuda complementaria á do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero

03/03/2021

Obxecto: Aprobar a concesión directa das subvencións complementarias á do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda; satisfacen, deste xeito, unha solución habitacional a este colectivo especialmente vulnerable.

Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data de publicación desta resolución no DOG teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, así como aquelas outras que resulten beneficiarias do citado programa en virtude da convocatoria correspondente á anualidade 2021.

2. Para ser persoa beneficiaria destas axudas será requisito necesario que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda.

3. Non poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas a quen lles fose declarada a perda do dereito ou revogación da subvención concedida no marco do anterior programa ou nas que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda do citado programa.

Contía da axuda e duración

  • A contía da axuda será polo importe non subvencionado da renda mensual do contrato de alugamento da persoa beneficiaria no marco do programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero. Porén, no caso de que tivesen recoñecida esta axuda no ano 2020, o importe mensual da axuda complementaria para o ano 2021 será a mesma que viñesen percibindo no ano 2020.
  • A axuda terá unha duración máxima de doce meses, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2021.
  • O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio.

 


borde borde
borde borde
Xunta de Galicia
@ Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Consellería de Política Social
Suxestións e queixas |Aviso legal |Atendémolo/a