Vivenda: axuda complementaria á do Programa de bono de alugueiro social

23/02/2021

Obxecto: Aprobar as axudas que son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias do Programa de bono de alugueiro social e que teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda, satisfacendo deste xeito unha solución habitacional a colectivos especialmente vulnerables.

 

Persoas beneficiarias e requisitos

Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data publicación desta resolución no DOG teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa de bono de alugueiro social, así como aquelas outras que resulten beneficiarias do citado programa en virtude da convocatoria correspondente a anualidade 2021.

Será requisito necesario para ser persoa beneficiara destas axudas que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda achegado pola persoa interesada.

Non poderán ser beneficiaras desta axuda as persoas a quen lles fose declarada a perda do dereito ou revogación da subvención concedida no marco do anterior programa ou nas que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social, cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda do citado programa.

Contía da axuda e duración:

A contía da axuda será polo importe da renda mensual do contrato de alugamento da persoa beneficiaria non subvencionado no marco do Programa do bono de alugueiro social.

No caso de que tivesen recoñecida esta axuda no ano 2020, o importe mensual da axuda complementaria para o ano 2021 será a mesma que viñan percibindo no ano 2020.

En ningún caso o importe desta axuda complementaria conxuntamente coa axuda do Programa do bono de alugueiro social poderá superar o límite máximo da renda do contrato de alugamento que figure no respectivo expediente, nin a axuda complementaria poderá exceder o importe máximo de axuda mensual.

3. A axuda terá unha duración máxima de doce meses, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2021.

-  No suposto de que se adquira a condición de persoa beneficiaria do Programa do bono de alugueiro social con posterioridade á data de publicación desta resolución, a axuda concederase desde o mes da data da resolución de concesión da axuda ata o 31 de decembro de 2021, sempre que no expediente conste o contrato de alugamento achegado pola persoa beneficiaria.

- No suposto de que o contrato de alugamento se achegue con posterioridade á data da resolución de concesión, a axuda recoñecerase desde o mes da data de presentación do contrato, salvo que este tivese efectos económicos posteriores, caso este en que se concederá a axuda desde ese mes ata o 31 de decembro de 2021.

O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio.


 

borde borde
borde borde
Xunta de Galicia
@ Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Consellería de Política Social
Suxestións e queixas |Aviso legal |Atendémolo/a