Mobilidade: axudas destinadas á instalación de anteparos nos vehículos dedicados ás actividades de taxi e de alugamento con condutor

11/06/2020

Obxecto: Convocar as axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte habilitantes para o exercicio das actividades de transporte público interurbano en vehículos de turismo, documentadas en autorizacións da serie VT-N, ou de autorizacións administrativas habilitantes para o exercicio da actividade de alugamento de vehículos con condutor, documentadas en autorizacións da serie VTC, en ambos os casos domiciliadas en Galicia, para a adquisición e instalación de anteparos para os vehículos adscritos ás indicadas actividades.

En concreto, poderán ser obxecto de subvención os anteparos adquiridos e instalados entre o 1 de marzo de 2020 e o 31 de xullo de 2020 pola totalidade de titulares de autorizacións administrativas habilitantes para o desenvolvemento da actividade de transporte interurbano en taxi ou de alugamento de vehículos con condutor, domiciliadas en Galicia.

Actuacións subvencionables

1. Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de anteparos para vehículos taxi e vehículos de alugamento con condutor.

2. Só será subvencionable un anteparo por cada autorización de transporte público interurbano en vehículos de turismo taxi ou de alugamento con condutor.

3. Os anteparos obxecto da subvención configúranse como un elemento de protección fronte ao COVID-19, debendo consistir nun elemento non permanente e que resulte doado desmontar, de carácter transparente, e que permitirá separar a fila de prazas dianteiras, en que se sitúa a persoa condutora, do resto de filas de asentos do vehículo.

Os elementos que se instalen deberán cumprir as recomendacións que, en canto á súa aptitude como elemento de protección fronte ao COVID-19, diten as autoridades sanitarias, así como os requisitos establecidos para a súa instalación polos órganos competentes en materia de industria.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas titulares de autorizacións de transporte habilitantes para o exercicio das actividades de transporte público interurbano en vehículos de turismo, documentadas en autorizacións da serie VT-N, ou de autorizacións administrativas habilitantes para o exercicio da actividade de alugamento de vehículos con condutor, documentadas en autorizacións da serie VTC, en ambos os casos domiciliadas en Galicia e expedidas polos servizos de mobilidade competentes.

2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

  • Terán que estar domiciliadas en Galicia.
  • Deberán estar vixentes no momento de aprobación da presente convocatoria de axudas e no de presentación da solicitude.
  • Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante.

 

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 31 de xullo

Solicitude e tramitación en liña

 

Convocatoria: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200611/AnuncioG0533-020620-0001_gl.pdf

 

En prazo de presentacion: Data límite:31/07/2020
borde borde
borde borde
Xunta de Galicia
@ Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Consellería de Política Social
Suxestións e queixas |Aviso legal |Atendémolo/a