Política Social: subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social

11/05/2020

Obxecto: Convocar as axudas ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante, para os anos 2020, 2021 e 2022, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020.

 

Tipos de subvencións:

A. Funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

Inclúese neste tipo aqueles centros que complementen os ámbitos de intervención social do Sistema galego de servizos sociais neste nivel de atención.

  • Albergues.
  • Centros de acollida.
  • Comedores sociais.
  • Centros de atención social continuada.
  • Centros de día de inclusión social.

B. Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada nos termos establecidos no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión, incluída aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante.

B.1. Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos:

Servizos de atención ás necesidades básicas
  • Servizo da cobertura de necesidade de alimento.
  • Servizo de provisión de recursos básicos (hixiene, roupeiro, lavandaría, apoio material e económico...).
  • Servizo de atención de rúa e/ou atención urxente.

Servizos de prevención e primeira atención:

  • Programas de valoración, orientación e información dirixidos a identificar situacións de risco e factores de vulnerabilidade, así como a informar sobre os recursos e prestacións do Sistema galego de servizos sociais.

B.2. Actuacións comprendidas dentro dos servizos de apoio á inclusión sociolaboral, servizo de formación adaptada e servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión:

  1. Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral. Dentro deste servizo financiaranse:
    1. Da sección de inclusión básica. Comprende as prestacións de diagnose; deseño; seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou sociolaboral; acompañamento social; accións para a adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais, incluídas as dirixidas á mellora da administración da economía familiar; o reforzo socioeducativo para menores; o apoio socioeducativo para a adhesión a tratamentos de prescrición facultativa.
    2. Da sección de inclusión e transición ao emprego. Comprenderá as prestacións de diagnose; deseño; seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou sociolaboral; acompañamento social; accións para a adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais, incluídas as dirixidas á mellora da administración da economía familiar; as accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral; a mediación laboral; a prospección e intermediación laboral activa; o reforzo socioeducativo para menores; apoio socioeducativo para a adhesión a tratamentos de prescrición facultativa.
    3. Prestación de apoio á conciliación prestada no marco do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, tanto na sección de Inclusión básica como da sección de inclusión e transición ao emprego, ou cando se trate dunha prestación vinculada directamente a un servizo de formación adaptada.
  2. Prestacións do servizo de apoio á inclusión residencial. Este servizo inclúe accións de apoio ás persoas en procesos de inclusión sociolaboral que, debido aos seus baixos ingresos e/ou outros factores de discriminación, teñen dificultades de acceso ou mantemento da estabilidade residencial. Subvenciónanse as prestacións obrigatorias da sección de promoción do acceso e mantemento da vivenda: intermediación inmobiliaria, prevención da discriminación no mercado da vivenda e acompañamento nos procesos de transición a recursos residenciais estables e a prestación opcional de mediación e resolución de conflitos relacionados coa vivenda
  3. Prestacións do servizo de formación adaptada. Excepcionalmente, poderanse subvencionar fóra do servizo de apoio á inclusión sociolaboral as accións de formación adaptada cando desenvolvan contidos relacionados coas medidas comprendidas nas prioridades transversais da Estratexia de inclusión social de Galicia, entre as cales se inclúe a formación en alfabetizacións e adquisición de coñecementos básicos dixitais e a formación vinculada coa redución da vulnerabilidade das persoas en risco ou situación de exclusión social con baixa cualificación; nelas englóbase a formación en competencias clave, preparación para as probas de adquisición do título de ESO e educación secundaria para adultos (ESA).
  4. Prestacións do servicio de intervención comunitaria en territorios de exclusión. Comprenderá as prestacións de dinamización social comunitaria. Tratarase de actuacións en territorios en exclusión severa que aproveiten espazos de dinamización comunitaria ou de interrelación xeracional ou interterritorial e teñan por finalidade tanto compartir experiencias, vivencias e aprendizaxes como debater problemáticas comúns relativas á análise das potencialidades tanto económicas como sociais do territorio e as súas posibles solucións, sempre que exixan a presenza e dedicación de persoal dinamizador ou experto. Para os efectos desta orde, entenderase que un territorio sofre exclusión severa cando a súa dispersión, recente perda de poboación e/ou dificultades de comunicación por estrada impidan ou dificulten de xeito importante o desenvolvemento destes espazos de comunicación.

Persoas beneficiarias dos programas ou actuacións subvencionadas neste punto:  perceptoras da Risga ou membros da súa unidade de convivencia, as persoas en situación ou risco de exclusión derivadas da rede de equipos de inclusión sociolaboral e, en xeral, as afectadas por factores de exclusión social. Neste último suposto a situación de exclusión social acredítase mediante declaración responsable da entidade de que o beneficiario está nesa situación.

Na ficha de descrición da actuación (anexo IV) deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas destinatarias e o seu perfil.

B.3. Atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo da poboación inmigrante comprendida nos servizos de promoción da participación social e de apoio á inclusión sociolaboral:

  1. As actuacións que se sinalan no punto B.2 adaptadas ás necesidades específicas destas persoas.
  2. Prestacións do servizo de promoción da participación social como accións formativas de alfabetización e competencia oral nas linguas oficiais de Galicia e accións formativas dirixidas ao coñecemento dos valores e características da sociedade de acollida.
  3. Prestación do servizo de asesoramento técnico especializado en materias propias de estranxeiría, e consistirá na información, asesoramento e apoio nos trámites precisos para as autorizacións e renovacións de residencia, homologacións de títulos, reagrupamentos familiares, nacionalidade e demais cuestións relacionadas coa nacionalidade.
  4. Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral. Ademais das incluídas no punto 3º.1 subvenciónase a prestación de mediación social e/ou intercultural, dirixida á integración das persoas inmigrantes. Esta prestación deberá levala a cabo persoal especializado en distintos ámbitos, como sanidade, educación, vivenda ou outros, a través de accións de acompañamento presencial ou de sensibilización directa na contorna social próxima das persoas con que se levan a cabo as accións de mediación, que teñan por finalidade o respecto e o fomento de actitudes de tolerancia coa diversidade cultural. As accións de sensibilización non poderán representar máis dun 7 \\% do importe da axuda concedida para esta actuación.

Persoas beneficiarias dos programas ou actuacións subvencionadas neste punto: as persoas inmigrantes que acrediten documentalmente tal condición ou a súa orixe estranxeira e se atopen en risco de exclusión social de acordo co establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, ou nunha situación de vulnerabilidade derivada da súa condición de inmigrante; esta situación acreditarase mediante declaración responsable da entidade.

Tamén participarán neste programa aquelas persoas solicitantes de asilo, refuxio ou beneficiarias de protección internacional que poidan chegar á Comunidade Autónoma galega.

Na ficha de descrición da actuación do anexo IV deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas participantes e o seu perfil.

C. Investimento en centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas. Modalidades:

  • Construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, así como a adquisición de inmobles que garden unha relación directa coas actuacións anteriores.
  • Adquisición ou desenvolvemento de aplicacións informáticas que estean relacionadas coa actividade do centro.
  • Adquisición e instalación de equipamento e moblaxe, así como a adquisición de vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos propios do centro, excluíndose expresamente os vehículos turismos.

Solicitude e tramitación en liña

 

 

Convocatoria: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200511/AnuncioG0425-040520-0001_gl.pdf


En prazo de presentacion: Data límite:11/06/2020
borde borde
borde borde
Xunta de Galicia
@ Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Consellería de Política Social
Suxestións e queixas |Aviso legal |Atendémolo/a